O Concello de Boqueixón informa de que dende hoxe mércores 18 de xaneiro xa poden solicitarse as axudas da Xunta de Galicia para apoiar a particulares na execución de actuacións destinadas a corrixir os impactos paisaxísticos que o paso do tempo ou unha mala conservación van producindo no aspecto exterior de vivendas e construcións privadas. As bases do programa poden consultarse no DOG do 17 de xaneiro. Aínda que o prazo de solicitude está aberto ata o 17 de febreiro, as axudas son en concorrencia non competitiva. Isto significa que é fundamental entregar canto antes a solicitude xa que levarán as axudas as primeiras persoas que así o soliciten e cumpran os requisitos.
Os propietarios particulares poderán acceder a incentivos de ata 3.000 euros para mellorar o aspecto das súas vivendas e doutras construcións, como muros de peche. As contías máximas permitirán cubrir ata o 70% do investimento subvencionable de forma que, na práctica, se prevé mobilizar case 2,9 millóns de euros grazas a estes incentivos, cos que se busca incidir na cultura do fermosismo impulsada pola Xunta a través da sensibilización cidadá e da colaboración entre administracións.
Unha das novidades da convocatoria é que os particulares que estean interesados poderán xestionar as súas solicitudes a través de entidades xurídicas como poden ser asesorías, xestorías ou asociacións veciñais con personalidade xurídica, unha medida que busca facilitar ao máximo a tramitación e o acceso aos fondos consignados, que ascenden a dous millóns de euros.
As solicitudes deberán presentarse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada), incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
Máis información e resolución de dúbidas no Concello de Boqueixón (981 51 31 06).