Melchor, Gaspar e Baltasar encheron de maxia e emoción a Casa da Cultura de Camporrapado durante a tradicional Festa de Reis do Concello de Boqueixón. Máis de trescentas persoas abarrotaron o local para desfrutar primeiro coa posta en escena de “Carapuchiña Vermella”, a cargo de Educateatro, e despois coa recepción das Súas Maxestades a toda a rapazada do municipio.
O acto estivo presidido polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, quen estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Marta Copóns Neira, e o deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato. Eles entregaron os agasallos do sorteo realizado en colaboración con SBC Gasolineras. Tras a entrega, a rapazada achegouse a Melchor, Gaspar e Baltasar para lembrarlle os agasallos que lles solicitaran e recoller unhas lambonadas.