O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu este mediodía a sétima edición do Pleno Infantil, unha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 40 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Manuel Fernández Munín, e á concelleira de Ensino, Marta Copóns Neira, as súas reflexións sobre os seus dereitos.
Así mesmo, a rapazada rematou asinando co alcalde un manifesto “con tres compromisos acadados na aula para que non exista discriminación entre nós e poidamos gozar dos nosos dereitos por igual”, apuntou Martín Carrillo, un dos 13 “concelleiros/as” por un día sentados hoxe na mesa de plenos. Eses tres compromisos son: ter compañeiros comprensivos que saiban ter empatía e respecto polos demais, que todos os nenos e nenas consideremos as opinións dos demais aínda que sexan diferentes ás nosas e respectar aos profesores como eles nos respectan a nós.
Fernández Munín foi o encargado de dar a benvida á rapazada e ás súas mestras, explicando que “con esta actividade queremos fomentar a participación das nenas e nenos no noso municipio e facer de Boqueixón un concello sensibilizado coa infancia e a adolescencia. Estas actividades serven para fomentar entre os nenos e nenas o dereito a expresar a súa opinión e que sexa tida en conta. Queremos que Boqueixón sexa coñecido por ser un concello que prioriza as necesidades dos máis pequenos e pequenas”.
Se ben empezaron sendo moi tímidos e caladiños, co paso dos minutos practicamente todos os presentes tiñan presentado un ou máis rogos á Alcaldía sobre cuestións a mellorar no municipio, sen diferenciar que administración é a responsable. Marquesiñas e o estado das instalacións deportivas, do colexio e dos parques infantís foron as cuestión máis recorrentes entre unha rapazada que rompeu en aplausos ao coñecer que o concello vai renovar o chan dos parques infantís das escolas unitarias de Lestedo e Camporrapado.
Esta sétima edición do Pleno Infantil foi organizado polo Departamento de Servizos Sociais, dentro das actividades dirixidas á infancia e á adolescencia propostas por Unicef Galicia e coa colaboración do CPI Antonio Orza Couto.