O Concello de Boqueixón organiza un ano máis o ciclo “Escena Pequena”, que inclúe tres divertidos espectáculos para desfrutar en familia. A cita terá lugar os domingos 4, 11 e 18 de decembro, ás 12:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado.
O ciclo abrirá as súas portas o domingo 4 de decembro. A compañía Migallas Teatro porá en escena “Petiscos de lingua”, un espectáculo de narración oral que busca dar a coñecer ditos tradicionais da literatura popular infantil de Galicia a través de xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos que divertirán aos nenos e nenas de Boqueixón.
Unha semana despois, o 11 de decembro, Teatro Ghazafelhos porá en escena “As pitas baixo a choiva”, unha divertida adaptación dun conto de Ricardo Carvalho Calero. Finalmente, “Wombo Combo”, de Galeatro, pechará a programación do “Escena Pequena”. Trátase dunha obra que fai un achegamento ao acoso escolar e como a mocidade escapa desa realidade adversa a un mundo de realidade virtual máis atractivo, pero non real.
O ciclo de teatro “Escena Pequena” está organizado polo Departamento de Cultura do Concello de Boqueixón, en colaboración co programa FalaRedes e a Deputación da Coruña.