Despois do cheo absoluto do Club de Maiores de Boqueixón, o ciclo de Teatro BocAberta retomou na tarde de onte domingo as súas actuacións coa obra “Adulterio decente”, unha divertida comedia de enredo sobre o matrimonio e as infidelidades posta en escena pola asociación cultural Charamela (Melide). Os clásicos son os clásicos, e unha peza baseada nun texto de Enrique Jardiel Poncela congregou a gran número de veciños e veciñas de Boqueixón, ata case rozar o cheo.
Para o próximo domingo 20 de novembro está programada “A idade do pavosaurio”, do grupo Lico Café de Cabanas. Trátase dunha obra escrita por José Cedena e que conta a historia de dous anciáns que conviven cun matrimonio formado polo fillo dela e pola filla del. Os dous maiores pasan todo o día rifando, o que fai que os problemas no matrimonio aumenten cada día máis.
A cita é ás 17:30 horas, na Casa da Cultura de Camporrapado. A entrada é libre e de balde ata completar aforo. O ciclo de teatro amador BocAberta está organizado polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Deputación da Coruña.