A gastronomía de Boqueixón volve estar un ano máis presente no Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar”, cuxa edición número 23 abriu as súas portas en Expourense con 165 expositores de 5 países. Conta ademais con 8 restaurantes, 3 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación, así como talleres e actividades coas que promocionar os produtos do agro e do mar galegos.
Ata o vindeiro domingo 13 de novembro, Boqueixón estará presente en Xantar dentro do posto da asociación de concellos do Camiño Miñoto-Ribeiro, que mesmo protagoniza un dos restaurantes dispoñibles para os milleiros de persoas que visitan cada ano este salón. De feito, ao igual que o ano pasado, esta edición céntrase na gastronomía dos Camiños de Santiago de España e Portugal nestes meses de recta final do Xacobeo 21-22.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, asistiu onte mércores ao acto de inauguración de Xantar, protagonizado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.