O Carballo de Gregorio aspira a converterse na “Árbore de España 2023”. O Concello de Boqueixón presentou a candidatura desta magnífica árbore centenaria que preside a veiga de Sergude, no lugar de Rodiño Grande. Unha candidatura que foi aceptada pola organización Bosques sin Fronteras, que convoca este certame para significar e poñer en valor árbores que, por distintas características, son merecedoras dun recoñecemento e respecto social.
O alcalde, Manuel Fernández Munín, fai un chamamento á mobilización “non so da veciñanza de Boqueixón senón de todas as persoas que amamos a natureza a prol do Carballo de Gregorio, unha auténtica reliquia botánica vencellada tanto á capela de San Bieito de Sergude como ao Pico Sacro e toda a súa mitoloxía e lendas relacionadas co mito Xacobeo. Non en van, tanto peregrinos como camiñantes sempre se acolleron baixo a súa sobra e continúan facéndoo”.
Árbore con historia
O Carballo de Gregorio conta cunhas medidas impresionantes: cunha altura de 25,5 metros e un tronco cun perímetro de 4,27 metros. Descoñécese con exactitude a data da súa orixe, se ben se calcula que ten arredor de 110 anos. Dende sempre estivo vencellado ao seu propietario, José Torres, da Casa de Secundino. De feito, a árbore toma o seu nome da antiga taberna que había no lugar: Casa de Gregorio.
O seu arraigamento entre a veciñanza é tal, que durante o século pasado arraigou un peculiar ritual na zona: a veciñanza soterraba aló aos seus animais domésticos falecidos nun intento de darlle forzas e impulsar o seu crecemento. Non en van, esta xoia botánica de Boqueixón ten superado moitos problemas ao longo da súa existencia. En primeiro lugar, por estar emprazado nun antigo camiño, ao pé dunha estrada. Isto fixo que a súa base se vira afectada tanto polo asfalto como pola beirarrúa que o rodea. Incluso o seu propietario tivo que pleitear para evitar a súa corta. Con todo, non puido evitar que anos máis tarde se lle cortaran varias pólas durante a construción da Alta Velocidade Ferroviaria, pois o seu tamaño era tan grande que impedía o paso aos vehículos co material de construción dos viadutos.
Votacións
Unha vez superada a fase de selección por parte do xurado de Bosques sin Fronteras, o Carballo de Gregorio competirá pola distinción como “Árbore de España 2023” con: o Carballo de Cornellana (Asturias), o Castiñeiro do Tío Trazas Los Santos (Salamanca), o Olmo de Montaña de El Rasillo (La Rioja), o Moral de Villoviado (Burgos), o Carballo de Santa Margarita (Pontevedra), o Piñeiro Gordo de Vilafor de Chasna (Santa Cruz de Tenerife), a Aciñeira do Monte de la Redonda (Cantabria) e o Plataneiro Biar Biar (Comunidade Valenciana).
Dende hoxe, xoves 10 de novembro e ata o vindeiro 10 de decembro, abrirase a votación en www.arbolybosquedelaño.es. Para votar polo Carballo de Gregorio é preciso:
- entra no apartado “Votar” ou entra neste enlace: https://www.arbolybosquedelaño.es/votar-arbol-y-bosque-del-ano-en-espana-2023/
- marca a opción do Carballo de Gregorio, elixe tamén un dos dous bosques aspirantes e acepta as bases do concurso
- introduce a dirección do teu correo electrónico e pulsa VOTAR
- inmediatamente chegará ao teu correo electrónico un mail coa lenda: “Concurso Árbol y Bosque del Año”. Deberás abrilo e pulsar en “Haz click aquí para confirmar tu voto”.
Ten en conta que só se admitirá 1 voto por cada conta de correo, se ben poden votar ata 5 persoas con e-mails diferentes dende o mesmo ordenador (mesma dirección IP). Bosques sin Fronteras dará a coñecer a árbore gañadora o vindeiro 20 de decembro.