O Club de Maiores de Boqueixón vólveo facer. Segunda posta de escena na Casa da Cultura de Camporrapado e segundo cheo absoluto da comedia “un morto moi vivo”, que abriu este pasado domingo a programación do BocAberta, o ciclo de teatro amador posto en marcha polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña.
Tras colgar o cartel de “non hai billetes” no seu debut o pasado mes de maio e de ir triunfando aló por onde van todas as fins de semana, este segundo pase volveu deixar pequeno o auditorio de Camporrapado, onde o público desfrutou e botou moitas risadas coa obra dos seus conveciños e conveciñas.
E para que as risas continúen, a asociación cultural Charamela (Melide) porá en escena “Adulterio decente”, unha divertida comedia de enredo sobre matrimonio e infidelidades baseada nun texto do prestixioso escritor Enrique Jardiel Poncela. A cita é este domingo 13 de novembro, ás 17:30 horas, na Casa da Cultura de Camporrapado. Entrada libre e de balde, ata completar aforo.