O concelleiro de Economía e Facenda de Boqueixón, José Manuel Iglesias Gómez, participou hoxe na andaina solidaria “Camiñando polo dano cerebral”, convocada por Sarela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela, e a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) para conmemorar o Día do Dano Cerebral Adquirido (DCA). Iglesias Gómez percorreu os 4,6 km entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro acompañando a un grupo de persoas con Dano Cerebral que estaban a realizar o Camiño de Santiago, aos que se sumaron persoas usuarias de Sarela, veciños/as e o director xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Fernando González Abeijón, entre outras autoridades autonómicas e locais.
No Obradoiro tivo lugar a lectura dun manifesto de todo o movemento asociativo “Polo cumprimento dos dereitos e por unha necesaria accesibilidade. Mañá pódelo necesitar ti” (que podes ler aquí) que estivo centrado en reclamar plans estratéxicos para a accesibilidade cognitiva en contornas sanitarias, xurídicas, educativas e sociais. O acto foi presentado polo presidente de Sarela, José Balboa, mentres que a lectura do manifesto correu a cargo de familiares e persoas con dano cerebral.
Ademais de Boqueixón, á xornada asistiron representantes dos concellos de Ames, Lalín, Lousame, O Pino, Oroso, Santiago e Vedra; así como integrantes das asociacións Cogami, Fademga e Fegadace. A maiores, esta noite o Concello de Boqueixón alumeará a súa fachada en cor azul para conmemorar o Día do Dano Cerebral.