O Concello de Boqueixón informa de que os clientes do comercio de proximidade galego poden comezar xa a descargar e empregar os descontos de 30 euros do Bono Activa Comercio, unha iniciativa á que a Xunta de Galicia destina 5 millóns de euros e que ten previsto mobilizar ata 17 millóns de euros en compras no comercio local.
Os bonos, en formato de código QR, poderán descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén estará dispoñible a lista de establecementos adheridos, á que poderán seguir sumándose comerciantes ata o vindeiro 30 de novembro. A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto será de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.
O obxectivo desta iniciativa é axudar á economía das familias contribuíndo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos; así como incentivar as compras no comercio de proximidade, nunhas datas clave para a actividade comercial.