O Concello de Boqueixón vén de recibir esta mañá un camión dotado de guindastre e volquete basculante, que permitirá poñer en marcha un punto limpo móbil no municipio. Un vehículo, achegado pola empresa Grúas y Autoventas Betanzos SL, que supuxo un investimento de 70.180 euros (IVE incluído).
O alcalde, Manuel Fernández Munín, apunta que “aínda que Boqueixón dispón xa dun punto limpo fixo, emprazado no polígono empresarial de Sergude, con este novo servizo pretendemos facilitarlles aínda máis as cousas aos veciños e veciñas á hora de reciclar, xa que iso nos axudará a preservar o noso rico medio natural”.
O novo punto limpo móbil de Boqueixón estará dispoñible unicamente para residuos domésticos. Conta con oito compartimentos para a recollida de: papel e cartón, pequenos electrodomésticos, aceites usados, envases de plástico-latas e briks, lámpadas fluorescentes, envases de vidro, pilas e baterías e roupa e calzado.
Unha iniciativa do Concello de Boqueixón, en colaboración coa Xunta de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia financiado a través da Unión Europea-NextGenerationEU, como se recolle no poste informativo que se emprazará aló onde se sitúe o punto limpo. Agora, o Concello de Boqueixón procederá a determinar a itinerancia do novo punto limpo móbil polas distintas parroquias, de cuxo horario serán informados os veciños e veciñas a través dos medios de comunicación municipais.
Este punto limpo móbil vén complementar os servizos que presta actualmente o punto limpo de Boqueixón, emprazado no polígono industrial de Sergude, no que o Concello vén de investir case 55.000 euros para facilitar a accesibilidade dos veciños e na construción dunha caseta para aumentar a recollida de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEEs). Está dispoñible para toda a veciñanza todos os mércores, de 16:00 a 20:00 horas, e o sábados, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.