As instalacións do Forte acollerán este venres 21 de outubro, ás 16:00 horas, o espectáculo “Galicia ilusiona coa maxia”, promovido polo mago Pedro Bugarín. A entrada é de balde, se ben é preciso reservar a entrada no Departamento de Cultural do Concello de Boqueixón: cultura@boqueixon.com ou 981 513 115.
O espectáculo de Pedro Bugarín é unha mestura de maxia e humor. Cordas rotas que reaparecen como novas, moedas que traspasan o cristal dos vasos, páxinas brancas de libros que por arte de maxia se iluminan con milleiros de cores… conforman un divertido espectáculo de maxia que divertirá e sorprenderá ao público de Boqueixón.
A actuación está organizada polo Concello de Boqueixón, ao abeiro do programa “Ler conta Moito” da Xunta de Galicia e do Festival Mundial de Ilusionismo “Galicia Ilusiona”, que organizan Pedro Bugarín e Dani Polo, co apoio da Xunta de Galicia e a Fundación “La Caixa”.