O Concello de Boqueixón informa de que aquelas familias beneficiarias do vale da Xunta para comprar material escolar poden recoller o cheque adicional no seu centro educativo a partir do luns 17 de outubro. Isto é así porque a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución que amplía estas axudas, a través das que máis de 90.000 alumnos xa recibiron 50€ e recibirán outros 25€ sen facer ningún trámite adicional. Ademais, o alumnado que se incorpore ao sistema educativo galego durante o curso, ata o 31 de marzo de 2023, e que teña dereito a recibir esta axuda, tamén poderá solicitala.
Cómpre lembrar que o 75% do alumnado recibe axudas da Xunta para libros de texto, libro electrónico ou material no marco dun dos programas máis xustos do Estado, dado que vai en función da renda familiar, beneficiando máis aos que menos teñen. En concreto os vales de material van dirixidos ao alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000€. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta e o de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% recibe esta axuda con independencia da renda.