O Concello de Boqueixón informa de que a campaña de vacinación contra a gripe dará comezo o vindeiro luns 10 de outubro e finalizará o 31 de decembro. Unha campaña que este ano terá unha novidade: a incorporación dos distintos grupos de poboación será secuencial. É dicir, haberá tempo suficiente para vacinarse e cada grupo terá o seu período reservado, polo que non é preciso acudir os primeiros días da campaña para evitar así aglomeracións e esperas innecesarias.
Por iso, este ano será fundamental concertar cita para a vacinación e non acudir directamente sen estar citado. Para concertar cita podes empregar a APP Sergas Móbil ou a través dos centros de saúde do Forte e/ou Lestedo.
Prazos de vacinación
- O luns 10 de outubro abre o prazo para a vacinación de nenos/as de 6 a 59 meses, persoas maiores de 85 anos, persoal de centros sanitarios, farmacias e emerxencias, así como maiores e traballadores de residencias.
- A partir do luns 17 de outubro están convocadas a persoas de 80 a 84 anos.
- A partir do 31 de outubro tocaralles ás persoas de 70 a 79 anos.
- A partir do 7 de novembro acudirán persoas maiores de 60 a 69 anos, embarazadas e persoas con patoloxías de risco.
- E a partir do 14 de novembro poderán ser vacinadas as persoas convivintes con persoas de risco e o resto da poboación.
Máis información en https://gripe.sergas.es/