O Concello de Boqueixón informa de que hoxe, luns 3 de outubro, empezou a funcionar a liña, Canle +65, un teléfono específico de atención administrativa xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos. Trátase dunha iniciativa pioneira da Xunta de Galicia que está orientada a proporcionar unha atención máis personalizada, ademais de apoiar a independencia dos maiores, cuxo contacto cos computadores está moi por baixo da media da poboación.
O número para as persoas maiores de 65 anos é o 900 333 666. As persoas que chamen a este teléfono non terán que escoitar mensaxes automatizadas e a marcación de opcións, senón que terán contacto cun operador humano. Unha medida coa que a Xunta de Galicia busca romper a fenda dixitil e facilitar o contacto directo das persoas maiores coa Administración. Entre outros servizos dispoñibles figuran:
- pedir cita en Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde
- ser atendido nas Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia
- ou facer xestións nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia
Nos centros de atención primaria do Sergas, a atención telefónica para maiores de 65 ano priorizarase mediante un sistema automatizado. Este sistema permite que quen chama, en caso de que non poida ser atendido no momento, teña a opción de deixar algúns datos persoais para que o operador sanitario, no momento en que quede libre, devolva a chamada con carácter prioritario.
Por outra banda, as Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia e as oficinas da Axencia Tributaria de Galicia contarán cunha atención telefónica reforzada, na que se priorizará a chamada, sempre que o usuario manifeste que é maior de 65. E, no caso de que unha persoa maior acuda sen cita, será atendida cunha cita ad hoc preferente con respecto aos restantes usuarios que, igualmente, acudan sen cita.