A casa da cultura de Camporrapado acolleu onte domingo o espectáculo de teatro profesional «Top manta», unha divertida comedia da compañía Fulano, Mengano e Citano. Unha actuación que abre a programación cultural deste mes de outubro en Boqueixón.
Así, a próxima cita co teatro terá lugar o domingo 23 de outubro, ás 17:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado. A compañía Malasombra Teatro porá en escena a divertida comedia «DEP», que narra algo moi recoñecido: a pelexa pola herdanza. Unha divertida pelexa entre os irmáns ante o reparto da herdanza… cando a nai aínda non está morta!!!
Unha cita co teatro profesional previa ao mes de novembro, mes do teatro amador e do festival BocaAberta, que abrirá as súas portas o domingo 6 de novembro, ás 17:30 horas, cunha nova actuación do Club de Maiores de Boqueixón. Tras o «non hai entradas»colgado o pasado mes de xuño, os nosos maiores ofrecerán un segundo pase da súa comedia de enredo»Un morto moi vivo». A asistencia é de balde, se ben é preciso reservar entrada no Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.gal ou 981 513 115).
Finalmente, a programación cultural completarase o 21 de outubro co espectáculo «Galicia ilusiona coa maxia», do mago Pedro Bugarín. Será nas instalacións do Forte, ás 16:00 horas. Reserva de entradas en cultura@boqueixon.gal ou no 981 513 115.