O Concello de Boqueixón informa aos mozos e mozas de entre 18 e 25 anos de que, a partir de mañá xoves 29 de setembro e ata o 28 de outubro, poden solicitar as axudas para o pago do permiso de conducir tipo B (turismo), tipo C (camión) ou tipo D (autobús). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta liña de axudas que ten como principal finalidade promover a autonomía e a empregabilidade da mocidade. Para a obtención do carné de clase B, o importe da axuda será de 400 euros; de 650 euros para o de clase C, o de camión; e de 1300 para o de tipo D, autobús. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.
Para poder acceder a estas axudas é preciso que a persoa interesada teña máis de 18 anos no momento de presentar a solicitude (sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D), estea empadroada en Galicia desde hai un ano e estea inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma. Tamén, e como novidade para abarcar o máximo de tempo posible, deben ter obtido o permiso entre o 1 de decembro de 2021 e a data da presentación. Deste xeito, a orde de axudas do ano que vén incluirá o período restante de 2022 e collerá o novo do ano en curso.
A Xunta de Galicia, co obxectivo de mellorar a autonomía, mobilidade e inserción laboral da mocidade, pon en marcha esta orde que conta cun orzamento total de máis de 761.000 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. O Goberno galego destinou 1,5 millóns de euros nas dúas anteriores convocatorias desta liña de axudas, que chegou a máis de 3500 mozas e mozas. Ao igual que en edicións anteriores, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación da solicitude.