O Concello de Boqueixón informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía nun mes (ata o 15 de outubro) o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes ás axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións. Unha ampliación que a Xunta acordou debido ás peticións realizadas dende diferentes colectivos e tendo en conta o elevado número de solicitudes e a complexidade urbanística e sectorial dos expedientes de solicitude de licenza ou permiso administrativo que dificultan a finalización dos procedementos de autorización. A orde entrará en vigor mañá xoves.
O orzamento da convocatoria de 2022 é de 37,5 millóns de euros e está encadrada no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. En concreto, 20 millóns irán destinados a plans de mellora, 15 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 2,5 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Ademais e como novidade nesta convocatoria de axudas, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal, no marco da Lei de recuperación da terra agraria.
Ao abeiro da última convocatoria (2020) un total de 715 beneficiarios recibiron axuda para acometer plans de mellora, 278 mozos e mozas obtiveron subvención para incorporarse ao agro e 213 persoas solicitantes conseguiron achega para a creación de pequenas explotacións.