A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións municipais do CEIP Antonio Orza e o CIM de Boqueixón coa finalidade de coñecer as actividades de conciliación que está a levar a cabo o concello, así como o labor do CIM de Boqueixón.
Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández; o alcalde de Vedra, Carlos Martínez; a tenente de alcalde do concello de Touro, Adela Iglesias; o deputado da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro; a directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales; a psicóloga do CIM de Boqueixón, Yolanda Neira; Ana María Seijo, concelleira de Servizos Sociais de Boqueixón e outros integrantes da corporación municipal.
A conselleira de Igualdade coñeceu así o corpo de voluntariado e a rapazada de 3 a 12 anos que está a participar no Verán Activo, o programa de conciliación estival do Concello de Boqueixón.
Este proxecto acolle a máis de 100 cativos e cativas que gozan dun programa lúdico-educativo e que inclúe actividades como obradoiros, xogos ao aire libre, aprendizaxe sobre a natureza, etc.
Ademais de ofrecer unha alternativa de ocio á rapazada de Boqueixón, Verán Activo tamén supón un apoio moi importante para as familias en materia de conciliación entre a vida laboral e a persoal.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, recoñece que “a conciliación é cada vez máis importante para as familias. Coa evolución do mercado laboral e o modelo familiar este tipo de iniciativas son moi relevantes, tanto en verán como ao longo do ano”. Desta forma, o alcalde e a conselleira de Igualdade están de acordo en que os gobernos, as corporacións municipais e as empresas deben cooperar activamente para ofrecer facilidades de xestión horaria ás familias.
Tras a visita no CEIP Antonio Orza, a conselleira coñeceu tamén o Centro de Información á Muller (CIM) que presta servizo, ademais, ás localidades de Vedra e Touro.
Segundo Lorenzana, o CIM de Boqueixón “é un centro de referencia na zona” para asesorar e axudar a todas aquelas mulleres que o precisen respecto a información e asistencia en materia de igualdade e violencia de xénero. Tanto as instalacións como o protocolo de asistencia foron os dous puntos a destacar pola conselleira de Igualdade.