Os voluntarios e voluntarias de Boqueixón que participaron nunha nova edición do programa CREA (Campo Recreativo e Ambiental) tiveron na reciclaxe un dos eixos do seu obradoiro deste ano. Ademais de desfrutaren de actividades educativas, ambientais e lúdicas propias desta iniciativa, os mozos e mozas percorreron as vivendas do municipio para facerlle un seguimento ao programa de compostaxe posto en marcha polo Concello de Boqueixón.
Así, tras recibiren a formación precisa, os mozos e mozas visitaron as vivendas do municipio, tomando nota do uso que se está facendo do composteiro e resolvéndolle dúbidas á veciñanza. Unha tarefa para a que contaron tamén coa axuda de compañeiros e compañeiras que participaban no programa de voluntariado xuvenil.
O Concello de Boqueixón leva repartidos máis de 1.100 composteiros entre a veciñanza ao longo de tres campañas consecutivas, a última delas en marzo deste mesmo ano. Unha campaña porta a porta para que todas as familias do municipio poidan reciclar os refugallos orgánicos que producen e transformalos nun compost de calidade que poida ser reutilizado como abono da terra.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradece a colaboración da mocidade nunha campaña que busca fomentar a reciclaxe, minimizar a xeración de residuos, sensibilizar aos veciños e veciñas na importancia de coidar o medio ambiente evitar os depósitos incontrolados”. Esta iniciativa do Concello de Boqueixón supuxo un investimento de preto de 60.000 euros na adquisición dos composteiros e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).