No campo do río de Ponte Ledesma (Boqueixón) terá lugar a recreación da histórica “Batalla de Ponte Ledesma”, este domingo 7 de agosto ás 20:00 horas. O evento, organizado polo Concello de Boqueixón, presenta varias novidades. A primeira será a recreación da batalla entre a veciñanza liderada pola Xunta de Trasdeza e as tropas napoleónicas en marzo de 1809, que se saldou con vitoria veciñal. Unha recreación na que participarán veciños e veciñas de Boqueixón, así como os “franceses” da Asociación Cultural Heroes de Casaldeirigo (Valga), todos eles dirixidos polo actor Suso Martínez.
Este ano, a representación contará cun valor engadido: o concerto da Unión Musical Ponteledesma que servirá para estrear a obra “A batalla de Ponte Ledesma”. Unha composición de oito cadros sinfónicos composta por Simón Couceiro, músico estradense que puxo música a todo o acontecido aqueles históricos días: dende as primeiras reunións da Xunta de Trasdeza ata a celebración dunha histórica vitoria coa que ninguén contaba. A cita é ás 20:00 horas no campo do río de Ponte Ledesma. A entrada será libre e de balde.