Máis de 120 persoas participaron este domingo na ruta de sendeirismo “Unindo roteiros…ao pé do Ulla”, unha iniciativa incluída dentro dos programas “Goza do Ulla” e “Correntes do Ulla”. Os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, sumáronse á iniciativa, que percorreu os 10 quilómetros que separan as áreas recreativas de Sucira (Boqueixón) e Agronovo (Vedra).
Unha camiñata na que “estrearon” a unión da ruta dos Pescadores de Boqueixón coa ruta de San Xoán da Cova en Vedra, realizada por mozos e mozas de ambos os dous municipios e que participan nun campamento medioambiental e de dinamización. Unha iniciativa dos Concellos de Boqueixón e de Vedra que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Esta mesma semana pecharase o programa “Correntes do Ulla” con dúas sesións da Escola de Pesca en Río dirixidas a nenos e nenas de entre 10 e 13 anos. Unhas sesións que serán impartidas por David Arcay, campión do mundo de pesca de mosca, quen introducirá á rapazada no mundo da pesca sostible e a concienciación coa natureza. As clases terán lugar o mércores 27 de xullo na área de recreo de Agronovo e o xoves 28 de xullo na área de recreo de Sucira, de 10:00 a 13:00 horas.