O Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía organizan visitas guiadas á cova do Pico Sacro, que terán lugar os últimos sábados dos meses de xullo a outubro e que permitirán que un cento de persoas descubran os segredos da cova máis lendaria de Galicia. Todas as persoas interesadas en participar na iniciativa “Descubrindo a espeleoloxía na cova do Pico Sacro” poderán anotarse a través da páxina web www.espeleoloxia.org/web/visitapicosacro/
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, sinala que “dende o Concello valoramos moi positivamente esta iniciativa, que se desenvolve despois do éxito que tiveron as visitas realizadas durante o programa Un mes e pico. Para nós, este tipo de iniciativas son moi importantes non só dende o punto de vista patrimonial e espeleolóxico, senón tamén dende o punto de vista turístico xa que contribuirá a poñer en valor o Pico Sacro para aquelas persoas amantes dos deportes”.
O presidente en funcións da Federación Galega de Espeleoloxía, Francisco Martínez García, explica que “a cova do Pico Sacro é unha das máis mitolóxicas de Galicia, pois sempre estivo rodeada de misterio e as súas historias, tanto reais como mitolóxicas, se remontan á época da dominación romana e entroncan directamente coa Traslatio do Apóstolo Santiago a Galicia. Dende a Federación Galega de Espeleoloxía, en colaboración co Concello de Boqueixón, ofrecemos a posibilidade de realizar algo que ata o de agora non se podía facer: unha visita guiada ao interior da cova”.
Cen visitantes
As baixadas ás covas do Pico Sacro son totalmente seguras e estarán guiadas por técnicos da Federación Galega de Espeleoloxía, que se encargarán de proporcionar todo o equipo necesario para desfrutar desta actividade. Unha iniciativa que dará comezo no Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde as persoas participantes poderán coñecer a historia desta cova e a súa influencia na historia Xacobea, onde entroncan coa Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago a Compostela.
Tras unha pequena formación técnica sobre o manexo dos arneses, as cordas e a escaleira de baixada por parte dos monitores especializados, as 6 persoas participantes trasladaranse ata a cova do Pico Sacro, onde baixarán de xeito individual e guiados en todo momento polos técnicos da Escola Galega de Espeleoloxía.
O Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía organizan inicialmente 4 días de visita (sábados 30 de xullo, 27 de agosto, 24 de setembro e 22 de outubro) en 4 horarios diferentes, tanto de mañá (de 10:00 a 12:00 horas e de 12:00 a 14:00 horas) como de tarde (de 15:00 a 17:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas).
Establécese un máximo de 6 participantes por quenda, que deberán ser maiores de 11 anos e anotarse na web: www.espeleoloxia.org/web/visitapicosacro/ . O prezo da visita guiada é de 15 euros por persoa, que inclúe: visita guiada por monitores da Escola Galega de Espeleoloxía, equipamento (buzo, guantes, casco e lanternas frontais), seguro de responsabilidade civil e seguro de accidentes.
Manuel Fernández Munín agradece a gran colaboración que veñen mantendo o Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía nos últimos anos e que se ten traducido tanto na organización de actividades lúdicas de promoción do Pico Sacro como nos propios traballos de limpeza da sima do Pico Sacro acometidos en 2021 que permitiron a retirada de 1.383 quilos de materiais da cova. Uns traballos que se traduciron no incremento da altura da cova, o que permite a realización destas visitas espeleolóxicas.