O Concello de Boqueixón informa de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión do que son os primeiros incentivos para a adquisición de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido. O obxectivo é minimizar o emprego do coche particular e impulsar os modos de transporte non motorizados no ámbito urbano e interurbano de proximidade. Este tipo de movementos concentran gran parte dos desprazamentos cotiás da poboación que, na maioría dos casos, supoñen percorridos de entre os 2 e os 12 quilómetros, sendo estas marxes asumibles para o seu percorrido en bicicleta.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude a partir do 1 de agosto, prazo que permanecerá aberto ata o 30 de novembro, ou ata esgotar os fondos. Con carácter xeral, o importe da subvención será de ata o ao 50% do prezo da bicicleta eléctrica con pedaleo asistido, co límite máximo de 500 €. No caso dunha familia numerosa, chegará ata o 60%, cun límite de 600€; e para quen forme parte dunha familia numerosa con categoría especial será do 70%, coa contía máxima de 700 €.
A entidade colaboradora do programa será a encargada de presentar telematicamente a solicitude, polo que a persoa interesada terá que tramitar a axuda a través dalgunha das entidades adheridas que figuren na listaxe que publicará a web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible.
As entidades colaboradoras serán os establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma que se adheriron ao programa, ao que tamén poderán seguir adscribíndose mentres estean activas as axudas. Deberán ter nos seus centros de traballo ou puntos de venda un cartel identificativo, que leva por lema: Enchúfate ao movemento EBici.