Case noventa persoas participaron esta fin de semana no “Descenso do Ulla en piragua”, unha actividade incluída no programa “Correntes do Ulla” e que organizan conxuntamente os Concellos de Boqueixón e Vedra. Estes noventa participantes percorreron o tramo do Ulla que separa Ponteledesma e Agronovo, e contaron coa presenza dos alcaldes de ambos os dous municipios: Manuel Fernández Munín (Boqueixón) e Carlos Martínez Carrillo (Vedra).
O programa “Correntes do Ulla” continúa esta semana co campo de voluntariado “Unindo roteiros”, onde mozos e mozas de Boqueixón e de Vedra de entre 18 e 30 anos crearán un novo sendeiro que unirá a Ruta dos Pescadores, desde a aldea de Donas (Boqueixón), ata o Miradoiro de Gundián (Vedra). Tres quilómetros de sendeiro que os levarán a enlazar coa ruta de San Xoán da Cova.
O domingo 24 de xullo, dentro do programa Goza do Ulla, ambos os dous concellos ofrecen unha ruta de sendeirismo de 10k entre Sucira (ruta dos Pescadores) e Agronovo (ruta de San Xoán da Cova). A saída será ás 10:00 horas e é preciso inscrición previa.
Finalmente, en colaboración coa Federación Galega de Pesca, Boqueixón e Vedra ofrecerán dúas sesións da Escola de Pesca en Río. Dirixidas a nenos e nenas de entre os 10 e os 13 anos, serán impartidas por David Arcay, campión do mundo de pesca de mosca, quen introducirá á rapazada no mundo da pesca sostible e a concienciación coa natureza. As clases terán lugar o mércores 27 de xullo na área de recreo de Agronovo e o xoves 28 de xullo na área de recreo de Sucira. En ambos os dous casos, o horario será de 10:00 a 13:00 horas.
Máis información e inscricións en www.boqueixon.gal e www.concellodevedra.gal.