A asociación cultural Mestre Manuel Gacio (https://www.aaccmestremanuelgacio.gal/) vén de transformar o seu tradicional fin de curso nun festival onde todas as seccións da súa escola recordaron escenas do seu pasado, presente e futuro, coa cultura tradicional como protagonista. Un festival que tivo lugar o pasado sábado no auditorio de Camporrapado (Boqueixón) e que coincide coa celebración dos dez anos dos obradoiros de música e baile tradicionais da asociación.
Nesta ocasión, o alumnado da AC Mestre Manuel Gacio recreou, con traxes e instrumentos, algunhas das escenas cotiás que se sucedían ano tras ano en datas especiais baixo a atenta mirada do Pico Sacro.