O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, participou esta mañá na inauguración da sexta edición de Galiforest Abanca, destacando que este evento “tense consolidado en Boqueixón como o gran espazo de negocio e o punto de encontro do sector forestal na Península Ibérica”. O alcalde desexoulles unha boa feira ás máis de 370 firmas expositoras participantes, “todo un récord que demostra a importancia do sector forestal en Galicia e a súa potencialidade de cara ao futuro”.
Fernández Munín aproveitou tamén para convidar aos expositores e asistentes a que coñezan Boqueixón. “So tendes que achegarvos polo Centro de Interpretación do Pico Sacro, en Lestedo, e aló vos informarán e mesmo vos farán unha visita guiada e de balde”, apuntou o alcalde, quen ademais lles recomendou “desfrutar dos nosos excelentes viños e augardentes, da afamada tarta de Lestedo e o premiado Bo Queixo de Orto, así como outros manxares típicos galegos”.
Manuel Fernández Munín participou esta mañá no acto de inauguración desta feira xunto ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o director xerente da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Escaparate do sector
Diego Calvo definiu Galiforest como un punto de encontro para o sector forestal de Galicia onde dar a coñecer as últimas novidades e avances despois de catro anos sen celebrarse esta feira bienal, xa que a edición de 2020 tivo que ser adiada debido á pandemia do coronavirus. O vicepresidente segundo salientou que Galicia é unha comunidade de referencia no ámbito forestal e este sector constitúe unha das principais fontes de riqueza e de emprego no rural galego.
Ademais, sinalou que o monte de Sergude e, en concreto, o seu Centro de Formación e Experimentación Agroforestal no que se están a formar os futuros traballadores deste sector é o espazo idóneo para acoller a feira. Por iso, animou a todo o mundo a achegarse estes días a Sergude, onde Galiforest se constituirá como centro de negocios para o sector, ademais dun escaparate das últimas innovacións tecnolóxicas e foro de coñecemento e posta en común da realidade forestal.
Por outra parte, Diego Calvo incidiu que esta feira contribuirá a consolidar a recuperación da actividade da Fundación Semana Verde neste ano e sumarse aos beneficios que xa supuxeron nos últimos meses 12 eventos como a XLIII Feira da Semana Verde ou Enerxétika e varios procesos selectivos que supuxeron un aumento da actividade nun 50% con respecto ao mesmo período de 2021.
Xunto coas sesións semanais da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, Diego Calvo confía en seguir nesta tendencia de resultados positivos no que queda de exercicio grazas a outros eventos previstos como o encontro informático XGN R Encounter, programado para outubro; a Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), en novembro; e o Silleda Park que se instalará un ano máis no recinto feiral de Silleda en decembro.
Cabe salientar que Galicia é a novena potencia forestal europea e lidera o sector a nivel nacional, aglutinando a metade da madeira que se corta no conxunto de España. Nesa liña, o sector forestal representa -segundo datos do Instituto Galego de Estatística- case o 2% do PIB da comunidade, supoñendo preto dun 12% do emprego industrial galego. Así, ata 80.000 familias viven directa ou indirectamente dos nosos montes.
Galiforest 2022
Galiforest ten como obxectivos a exposición dos avances en maquinaria, o intercambio comercial e o impulso da sustentabilidade e o avance do sector forestal. Esta edición de récord acada as súas mellores cifras cunha superficie de 13.726 metros cadrados e coa participación de 371 firmas expositoras de 26 países representadas por case un un cento de expositores directos, o 10% deles internacionais. Cómpre engadir que a Axencia Galega de Industria Forestal (XERA) estará presente nun posto compartido con axentes do sector baixo o lema “O futuro é de madeira”.
Ao longo destes días, na feira desenvolveranse máis de 180 demostracións en vivo sobre o funcionamento de diversa maquinaria e de traballos en monte, algunhas das cales estarán a cargo de persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, exhibicións máis lúdicas, así como outras conferencias dirixidas a profesionais para analizar o presente e o futuro do sector e abordar temas como a transición dixital no sector forestal ou os retos e oportunidades do piñeiro en Galicia. Tamén se celebrará o tradicional concurso de innovación co que recoñecer novos proxectos orientados á mellora do sector forestal.
Máis información: