O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, vén de entregar os premios do VIII Certame de relato curto “Xosé Neira vilas”, que premiou a oito alumnas e un alumno que cursan estudos no municipio. Uns premios consistentes nun diploma, vale por material escolar (de 125, 100 e 75 euros) e un exemplar do libro editado polo Concello de Boqueixón cos traballos premiados.
As tres gañadoras nas súas respectivas categorías foron Noa Méndez Picallo, por “Viaxar non costa nada” (Secundaria), Nerea Rendo Sánchez, por “Celtia, a pequena guerreira” (5º e 6º de Primaria) e Fátima de la Iglesia Lobato, por “A canción de Limia” (3º e 4º de Primaria). Tamén foron distinguidas Candela Suárez Méndez e Mara Prieto Fernández (Secundaria), Carolina Fernández Chas e Brais Torres Aldrey (5º e 6º de Primaria) e Sofía Liñares García e Nora Rouco González (3º e 4º de Primaria).
O xurado do VIII Certame de relato curto “Xosé Neira Vilas” estivo composto por Mª Rosario Golmar Saavedra, membro do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Maria Fe Pérez García, profesora de Lingua e Literatura Galega do CPIP Antonio Orza Couto, Mª Sonia Rodríguez Varela, membro da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e Rosario Iglesias Iglesias, técnica municipal de Cultura.