A choiva foi a protagonista non convidada nin desexada da VIII Carreira Camiño das Letras, que contou nesta edición cun total de 208 participantes. Deles, 125 tomaron parte na proba de 15 quilómetros, con saída no Pico Sacro e meta na Cidade da Cultura, despois de percorrer por Lestedo e Sergude seguindo o itinerario da Vía da Prata.
José Carlos Buján Otero, do Noitebra, foi o gañador da proba cun tempo de 57 minutos. Pablo Alvar López e Manu Gómez Canabal (Lousame Deporte) completaron o podio masculino, cuns tempos de 57:32 e 58:45, respectivamente. Pola súa banda, Lucía Peón Santomé, do Atletismo Arenteiro, gañaba a proba feminina cun tempo de 1 hora, 5 minutos e 2 segundos, entrando no posto 29 da xeral. Completaron o podio feminino Eva de la Fuente Iglesias, Club Deportivo Brión, e Cristina Carril Boo, do Club Atletismo O Pino, cuns tempos de 1:10:26 e 1:10:43, respectivamente.
Na proba de 5 quilómetros con saída e meta na Cidade da Cultura o gañador foi Thomas Afonso López, do Triatlón Inforhouse Santiago, cun tempo de 17 minutos e 28 segudos. A vinte segundos chegou Yago Iglesias Turnes, da SD Compostela Atletismo, e só cinco segundos despois Efrén Capelo Vieites, do Club Deportivo Brión. Na categoría feminina, o triunfo foi para Noelia Papín Estévez, do Club Atletismo Sada, cun tempo de 20 minutos e 44 segundos. Completaron o podio Ararat Pazos Meixus, do San Miguel de Marín, e Silvia Fajín Pérez, do Club Atletismo O Pino, cuns tempos de 21 :36 e 22:39.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o triatleta Javier Gómez Noya asistiron á saída da proba de 15 km dende o Pico Sacro, así como á entrega de premios na Cidade da Cultura canda Isidora Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Santiago; María Esther Pedrosa, concelleira de Xuventude, Deportes e Benestar Animal de Santiago; Ignacio Seijo, director xerente de Xurdir, entre outros.