O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2022/23. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde hoxe ata o próximo día 22 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. Cómpre subliñar que a Consellería de Educación asegura a dotación de balde de libros e material para o 100% das familias que cumpran cos requisitos establecidos.
O sistema solidario habilitado polo Goberno galego que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos: o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar. Para atender estas tres liñas no próximo curso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten habilitado unha cuantía de 25,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 47% con respecto aos 17,4 millóns de euros do presente curso, a meirande parte do cal vai destinado a afrontar a reposición de manuais do Fondo Solidario de Libros que vén obrigado pola entrada en vigor, en setembro, da nova lei educativa, LOMLOE, para os cursos impares.
Axudas á compra
As axudas da Xunta para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%. Así, no caso do alumnado dos dous primeiros cursos de Primaria recibirán 210 euros no caso de renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros; e de 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.
No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar. Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.
Fondo solidario
No Fondo Solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.
Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais. Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao Fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.
Axudas para material escolar
O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros/alumno. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.
As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.