O Concello de Boqueixón publica as bases reguladoras das axudas para a promoción da natalidade, adopción ou acollemento e fomento do comercio local para o exercicio 2022. Unhas axudas en réxime de concorrencia non competitiva que ten como obxectivo sufragar parcialmente os custes derivados do nacemento e/ou acollemento ou adopción de nenos/as empadroados en Boqueixón e, ao mesmo tempo, servir de axuda ao comercio local, xa que todo o gasto subvencionado ás familias terá que facerse en empresas radicadas no municipio.
O Concello de Boqueixón concederá unha axuda de 400 euros a todos os nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, que será de 500 euros no caso de acreditar unha discapacidade da crianza dun 33% ou superior. Compartimos a documentación e requisitos necesarios para acceder a estas axudas.
Haberá dous prazos de solicitude da axuda:
- as crianzas nadas, adoptadas ou acollidas entre o 1 de xaneiro de 2022 e a data de publicación desta convocatoria no BOP da Coruña (aínda por publicar): terán 15 días naturais, contados desde o día seguinte á publicación.
- para o resto, o prazo será o de 15 días naturais, contados desde o día seguinte ao nacemento, adopción ou acollemento.
Adxuntos
- BASES AXUDAS NATALIDADE 2022 (77 kB)
- ANEXOS AXUDAS NATALIDADE 2022 (80 kB)