O Concello de Boqueixón informa de que o Museo do Pobo Galego súmase á celebración do Día das Letras Galegas organizando unha mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado, neste caso recollendo toda a produción escrita de Florencia Delgado Gurriarán. A mostra poderase visitar no claustro do museo ata o domingo 26 de xuño.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras, en agosto de 1903. Era fillo dun perito agrónomo e por parte de nai descendente de vasco-navarreses asentados nos vales do Sil e dedicados aos traballos do ferro. Tras unha infancia e unha mocidade nómade (imposta polos traslados laborais paternos) en Ourense, Palencia e Valladolid, asenta no Barco de Valdeorras traballando de pasante nun bufete e comeza a súa obra poética publicada en xornais e revistas como Heraldo de Galicia ou A Nosa Terra. Este primeiro Gurriarán maniféstase como poeta anacreóntico, idólatra de Baco e feliz autor de himnos ao bo viño daquelas terras (Bebedeira, 1934).
Nos anos trinta participa activamente no galeguismo cultural e político, através da Irmandade Galeguista Valdeorresa e do Partido Galeguista, así como na guerra civil como tenente do Servizo de Información Periférico dependente do Estado Maior (fuxira en outubro do 36 pola raia portuguesa cara Porto e Bordeus, onde chegou de polisón en barco noruegués, e moi logo cara a zona republicana na que se reencontrou con Castelao e Santiago Álvarez). Laborou despois preparando a saída de exiliados e el propio recalou en Veracruz entre unha pasaxe de mil republicanos expatriados.
Xa en México continuou na angueira de dignificar a cultura galega de par de Luís Soto e Carlos Velo, fundando a revista Vieiros. No ano 1949 foi cotradutor de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego xunto a Plácido R. Castro e Lois Tobío; de por parte publicou Galicia Infinda (1963). Visitou Galiza en tres ocasións (1968, 1971 e 1976) cando a súa causa política, pechada en 1951, lle permitiu reatar lazos coa terra e cos amigos que aquí deixara. Nos últimos anos da súa vida aínda deu ao prelo dous libros: Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986).
Aínda que no seu momento traducira un famoso verso de Mallarmé (La chair est tristre, “a carne é triste”), o Florencio maduro lévalle a contraria escribindo sobre o sensual e o erótico, exalta mesmo a sensualidade dun mundo exótico de pretas danzantes e de jarochas (camponesas) cor mel. Morreu en Fair Oaks, California, o 14 de maio de 1987.