O Concello de Boqueixón convoca unha nova edición do Verán Activo, un programa lúdico-educativo dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que permitirá ás familias do municipio conciliar a súa vida persoal e laboral nas vacacións de verán, ao tempo que oferta unha alternativa de lecer atractiva para crianzas.
As actividades terán lugar do 23 de xuño ao 7 de setembro nas instalacións municipais do Forte e do CPIP Antonio Orza Couto. O horario será de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de ampliación horaria nos meses de xullo e agosto en caso de necesidade (ben adiantando a entrada ás 8:00 horas, atrasando a saída ás 15:00 horas ou ambas as dúas opcións).
O Concello de Boqueixón convoca 40 prazas para a quenda do 23 ao 30 de xuño; 100 prazas para a primeira quincena de xullo; 90 para a segunda; 40 prazas para o mes de agosto; e 20 prazas para a quenda do 1 ao 7 de setembro. O prazo de inscrición abrirase mañá martes 10 de maio e estará aberto ata o 27 de maio. No caso de existir maior número de solicitudes que de prazas ofertadas, o Concello ten establecido uns criterios de baremación nas bases da convocatoria.
Prezos e bonificacións
Os prezos serán de 30 euros por semana, 60 euros por quincena e 120 euros por mes. O Concello de Boqueixón establece unha serie de bonificacións de acordo coa renda familiar, de forma que as familiar con ingresos mensuais inferiores ou iguais ao IPREM e os casos de emerxencia social valorados polos Servizos Sociais de Boqueixón terán unha bonificación do 100%. Bonificación que será do 40% no caso das familias numerosas.
No caso de querer acceder a elas, deberase presentar a declaración da renda correspondente ao ano 2021 e/ou o documento acreditativo de familia numerosa, monoparental ou informe de Servizos Sociais, se fose o caso.
As bases do programa de conciliación Verán Activo están publicadas na web municipal, desde onde tamén se poderá descargar o documento de solicitude correspondente, que se deberá presentar ben no rexistro do Concello, ben pola sede electrónica.
Adxuntos
- fichaveran2022 (103 kB)