O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, participou esta mañá na presentación da VIII Carreira Camiño das Letras, que tivo lugar no salón Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura. Organizada por Xurdir coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello de Boqueixón, o acto contou coa presenza dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; así como da xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; da concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa; entre outras autoridades.
Fernández Munín agradeceu a escolla de Boqueixón para a saída da proba e convidou aos deportistas “a descubrir un lugar emblemático como o Pico Sacro e tamén os fermosos lugares que agochan a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o Camiño Ribeiro Miñoto nos seus 15 quilómetros de percorrido ata a Cidade da Cultura, coñecendo os encantos de Sergude e Lestedo”. Neste sentido, adiantou que “nos próximos días presentaremos un programa cultural, que denominamos Mes e Pico, que inclúe visitas teatralizadas, roteiros, conferencias, proxeccións e mesas redondas para poñer en valor este Monte Sagrado e dar a coñecer o seu importante papel dentro da cultura xacobea”.
Esta competición deportiva terá lugar o martes 17 de maio en Santiago de Compostela e Boqueixón co obxectivo de unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago. Os participantes poderán escoller entre dúas probas, unha de 15 Km que partirá desde o Pico Sacro, seguindo a Vía da Prata ata a Cidade da Cultura, e outra de 5 Km, tamén no entorno da Cidade da Cultura.
O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 12 de maio ás 23:59 horas e a recadación solidaria dun euro por participante estará destinada á Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Ademais, cada corredor, recibirá un libro de agasallo xunto á entrega do dorsal. Inscricións neste enlace.