O Concello de Boqueixón informa de que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar un curso de iniciación á apicultura ecolóxica no Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude. O curso, programado entre o 14 de maio e o 2 de xullo, distribuirase en cinco sábados en horario de 10,00 a 14,00 horas, cun total de 20 horas lectivas.
O obxectivo é que os participantes adquiran os coñecementos necesarios para establecer o seu propio apiario orientado á produción ecolóxica, para realizar os manexos necesarios de cara ao coidado das súas abellas e para orientar o seu labor ao obxectivo produtivo que elixan (cría de raíñas e núcleos, mel, pole, xelea real, cera, propóleos, veleno, cosmética, sensibilización na protección dos polinizadores, etc.).
As persoas interesadas en participar deberán preinscribirse en: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas. Inscricións gratuitas, prazas limitadas.
Contidos
Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
En concreto, o sábado 14 de maio, os alumnos recibirán contidos de introdución á apicultura, sobre as abellas e as súas características; mentres a seguinte sesión do sábado 28 de maio se centrará no material necesario para desenvolver esta actividade. Canto á xornada do 11 de xuño, falarase da colmea, da alimentación e da sanidade apícola; xa o sábado 25 de xuño abordarase o manexo do apiario e, por último, o sábado 7 de xullo concluirase tratando os distintos produtos da colmea.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.