O Concello de Boqueixón informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe martes 3 de maio publica unha nova convocatoria de axudas para paliar as consecuencias que a Covid-19 tivo en determinados sectores que viron paralizada a súa actividade en 2021. A nova orde está dotada con 2,7 millóns de euros (financiados con fondos europeos) que se dirixirán a traballadores por conta propia e microempresas con actividades económicas especialmente paralizadas a causa da pandemia. A Xunta calcula que no marco desta nova convocatoria se acadarán os 1.200 apoios.
Esta nova orde inclúe, entre os seus principais requisitos, que as persoas traballadoras autónomas e microempresas desenvolvan actividades especialmente paralizadas pola crise sanitaria. Entenderanse como tales, aquelas que teñan detectado unha caída de facturación de polo menos o 65% no ano 2021 con respecto a 2019, quedando excluídas as actividades que contaron con axudas específicas de diferentes departamentos da Xunta como a hostalaría, axencias de viaxes, lecer nocturno, pesca, acuicultura ou marisqueo, e as actividades culturais coma orquestras, entre outras.
As axudas directas teñen como finalidade o mantemento da actividade económica e do emprego nas empresas que tiveron que parar por mor da pandemia. Para axudalas, prevense apoios de entre os 1.000 e os 12.000 euros, segundo os ingresos por facturación que as entidades solicitantes acrediten do ano 2019. A maior contía corresponderá ás firmas con facturación superior aos 30.000 euros en 2019 e a menor para facturación igual de entre 4.000 e 5.000 euros.
O prazo de solicitude permanecerá aberto desde este mércores, 4 de maio, ata o próximo 3 de xuño e as peticións deberán formalizarse a través da Sede Electrónica da Xunta.
O Goberno galego a través dos plans de rescate e outras axudas directas ás actividades e sectores económicos máis afectados xa realizou un investimento de máis de 613 millóns de euros. A Xunta estivo desde o principio da pandemia a carón dos autónomos e segue na actualidade intentando axudar a que estes negocios se manteñan, crezan e xeren emprego. Así, nos tres primeiros meses do ano, a Consellería de Emprego e Igualdade activou axudas por valor de 26 millóns de euros destinadas a este colectivo: para a promoción do emprego autónomo (12,5 millóns de euros); para a consolidación e mellora da competitividade de negocios co Bono Autónomo (8 millóns de euros); as axudas para a formación e a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador (1,35 millóns de euros); ou o programa para a posta en marcha de pequenas empresas de nova creación ou empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (2 millóns de euros).