O Concello de Boqueixón informa de que o BOP de hoxe venres 22 de abril publica as bases do programa de axudas directas aos sectores agrogandeiro, pesqueiro e do transporte de mercadorías por estrada, sectores estratéxicos na provincia gravemente afectados pola suba do prezo dos carburantes e as consecuencias económicas da guerra de Ucraína. Un programa dotado con 5 millóns de euros e que contempla axudas de ata 3.000 euros por beneficiario, que serán concedidas por orde de entrada e ata o esgotamento do crédito.
O prazo para solicitar estas axudas abrirase ás 9:00 horas do vindeiro xoves 28 de abril. Así, as persoas e empresas que desexen optar ás axudas unicamente deberán acceder á convocatoria co código MUR-COMB_SUBM/2022 na plataforma SUBTeL (sede.dacoruna.gal/subtel) e presentar a seguinte documentación:
- Certificado de Situación Censual da Axencia Estatal Tributaria actualizado.
- Certificado de Vida Laboral do/a autónomo/a actualizado onde conste a data de alta no RETA, no caso de persoas físicas.
- Documento que acredite a representación, no caso de persoas xurídicas e/ou físicas que actúen a través de representante.
- Información dos datos bancarios onde se ingresará a axuda.
Estas subvencións están destinadas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, pequenas empresas e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que figuren dadas de alta con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, no censo de actividades económicas en calquera dos sectores de actividade relacionados a continuación, e que cumpran os seguintes requisitos: Ter o domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña; estar dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, no caso de persoas físicas; non atoparse incursas en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e estar dadas de alta nalgún dos sectores de actividade seguintes, segundo figure no seu Certificado de Situación Censual actualizado.