O Concello de Boqueixón informa de que a Consellería do Medio Rural permitirá desde mañá venres 22 de abril a tramitación de permisos para facer queimas de acordo coa normativa de aplicación, debido a que as condicións meteorolóxicas así o permiten. Isto significa que mañá venres será o primeiro día para realizar queimas previamente comunicadas.
As comunicacións e solicitudes de autorización de queimas poderán realizarse a través da web do Medio Rural de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén estará a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas.
Así, os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a devandita lei nos períodos habilitados deberán comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación. En todo caso, lembramos que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.
Máis información: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/defensa-monte/permisos-queimas