O BOP de hoxe xoves 7 de abril publica as bases da convocatoria para a selección de persoal para a provisión, en réxime laboral temporal, de 3 postos de peóns/peoas de obras públicas durante 5 meses, ao abeiro do Programa PEL-Concellos 2022 da Deputación da Coruña. Iso significa que o prazo de presentación de instancias abrirase mañá venres, 8 de abril, e será de 10 días hábiles.
As persoas que desexen tomar parte neste proceso selectivo deberán presentar as súas instancias de solicitude debidamente cumprimentadas (no modelo que se engade como Anexo I) e a declaración xurada (Anexo II) dirixidas ao alcalde e a través da sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón en horario de atención ao público (de luns a venres, de 9:00h. a 14:30h, e solicitando cita previa).
No caso de que as solicitudes sexan presentadas noutros rexistros, e a efectos de realizar o seu seguimento, as persoas solicitantes deberán remitir unha copia da instancia xa rexistrada mediante correo electrónico dirixido a emprego@boqueixon.gal antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.