As principais operadoras de telefonía móbil (Telefónica, Vodafone e Orange) realizarán en Boqueixón durante as próximas semanas o proceso de implantación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente. Iso permitirá aos veciños e veciñas de Boqueixón desfrutar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e unha maior extensión xeográfica.
Estas redes mellorarán a velocidade de conexión a Internet, servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda, así como novos servizos que verán a luz nos próximos anos. Iso si, a prestación destes servizos pode afectar á recepción da señal de TDT dos veciños e veciñas de Boqueixón, xa que anteriormente se utilizaban esas bandas de frecuencia para o servizo de televisión.
En caso de que se produzan estes problemas, o Concello de Boqueixón informa de que hai que dirixirse á empresa Llega700 chamando ao número de atención gratuíto 900 833 999 ou a través da web www.llega700.es.
Vantaxes
Coa nova rede móbil abríuse a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar melloras tanto na velocidade de descarga como no envío de datos, así como permitir sacarlle o máximo partido a aplicacións en liña, como os videoxogos. Esta rede de telefonía supón dúas importantes melloras:
- solventa problemas relacionados con orografías complicadas onde tradicionalmente fallaba a cobertura
- gran penetración en zonas interiores dos edificios
A nova tecnoloxía facilita tamén a introdución de novos servizos como aplicacións empresariais en mobilidade con alto contido multimedia ou o uso da videochamada, entre outros.