O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitaron esta mañá as obras de embelecemento da Vía da Prata, consistentes na renovación da praza do Cruceiro, no núcleo rural de Rubial, e que supuxeron un investimento de 27.300 euros, dos que a Xunta asumiu 15.000 euros. Á visita asistiu tamén o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias.
A actuación consistiu na execución dun muro, de 33 metros de longo por 4 de alto, para poder nivelar a superficie da praza. Nela, cambiáronse de lugar tanto a marquesiña do autobús como os contedores do lixo, que foron integrados nunha nova área de 12 m2 cuns paneis de madeira que facilitan a súa integración na contorna. Finalmente, procedeuse a instalar unha mesa de pedra granítica cos seus respectivos bancos.
Ao mesmo tempo, procedeuse a mellorar a marxe do camiño, nunha superficie de 150 m2, coa execución dunha pavimentación continua herba-formigón de 10 centímetros de espesor, previo acondicionamento da zona e roza da contorna. Unhas actuacións que permitiron avanzar no embelecemento da contorna deste itinerario, contribuíndo a embelecer os trazados, mellorando as contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas e poñendo en valor o Camiño.
O alcalde de Boqueixón agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia na “posta en valor dunha área pola que discorre a Vía da Prata, polo que será desfrutada tanto pola veciñanza do lugar como polos milleiros de peregrinos e peregrinas que percorren esta ruta Xacobea”.
Liñas de apoio
O Concello de Boqueixón foi un dos beneficiarios desta liña de apoio convocada en 2021 e dotada con 1,5 millóns de euros que permitiu investir 21.000 euros neste municipio. Xunto con Boqueixón, outros 9 da comarca de Santiago, beneficiáronse das axudas con 118.000 euros que mobilizaron 124.000 euros para acometer actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago e que se repartiron entre os concellos de Boqueixón, Ames, Arzúa, Boimorto, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, Teo e Toques.
Gonzalo Trenor destacou que esta liña de axudas enmárcase dentro do Plan Camiña co que o Goberno galego quere seguir traballando para a reactivación do turismo galego, a través do apoio ao sector turístico, ás entidades locais como con esta convocatoria, ou a mediante a posta en marcha doutras accións e liñas de axuda que permitan seguir incrementando a calidade e a formación sector turístico galego.