O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta vén de prohibir as queimas agrícolas e forestais de particulares debido ás condicións meteorolóxicas, o que supón que dende hoxe martes non se darán máis permisos e que os xa concedidos quedan en suspenso dende hoxe.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén se tivo en conta que a normativa (Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais) prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este momento e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.