A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidiron esta mañá a entrega de 716 títulos de propiedade da concentración parcelaria de San Vicente de Boqueixón e San Lourenzo de Granxa, dando así por rematado este proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de máis de 1,3 millóns de euros.
Esta parcelaria comprende unha superficie de case 615 hectáreas e beneficia a 397 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se triplicou. Así, salientou a directora, pasouse dunhas 2.200 parcelas iniciais a 716 fincas resultantes, o que conlevou unha mellora da estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.
Pola súa banda, Manuel Fernández Munín agradeceu a iniciativa da Xunta de Galicia e celebrou a fin do único proceso de concentración parcelaria aberto no municipio, “polo que a día de hoxe temos máis do 50% da nosa superficie concentrada”. Isto suma case 4.000 hectáreas que se reorganizaron a través de distintos procesos de reestruturación parcelaria acometidos nos últimos anos.
Paliar o minifundismo
Neste senso, a directora xeral puxo en valor estes procesos, que se converten nunha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, destacou que a día de hoxe quedan 94 procesos abertos, pero que en 58 deles os veciños xa poden facer uso das novas parcelas. Por iso, Santé reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización destas parcelarias, para as cales hai un orzamento en 2022 de 12 millóns de euros.
A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas desde o ano 2020 nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco, O Pino, Melide, Ferrol, Carral e Cambre; nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei, O Valadouro, Abadín e Mondoñedo, e no ourensá de Baltar. Ademais, entre o ano 2020 e o que levamos de 2022, a Xunta entregou preto de 18.500 títulos de 17 concentracións parcelarias -sumando a de hoxe- que beneficiaron uns 7.750 veciños propietarios.
Información xeorreferenciada
Por outra banda, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería.
Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria. Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.