O Concello de Boqueixón leva repartidos máis de 900 composteiros entre a veciñanza, un reparto que durante o último mes acometeu porta a porta para que as familias do municipio poidan reciclar todos os refugallos orgánicos que producen e transformalo nun compost de calidade que pode ser reutilizado como abono da terra. Aquelas persoas que aínda non o recibiran por non estaren nese momentos na casa, poden solicitar o seu composteiro no Concello (981 513 061) ou a través de compostaxe@boqueixon.gal, achegando un formulario dispoñible na web municipal (www.boqueixon.gal).
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, destaca que “os principais obxectivos desta iniciativa son fomentar a reciclaxe, minimizar a xeración de residuos, sensibilizar aos veciños e veciñas na importancia de coidar o medio ambiente evitar os depósitos incontrolados”. Unha campaña do Concello de Boqueixón que supuxo un investimento de preto de 60.000 euros na adquisición de 900 composteiros e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Campañas anteriores
Este proxecto vén a completar as dúas anteriores campañas de compostaxe doméstica e recollida selectiva levadas a cabo polo Concello de Boqueixón en anos anteriores e que derivaron na entrega doutros 200 composteiros entre a veciñanza, polo que a día de hoxe xa están repartidos máis dun milleiro destes depósitos nos fogares de Boqueixón. A maiores, o Concello distribuíu entre a poboación trípticos informativos sobre as múltiples posibilidades de reciclaxe, especificando non só as vantaxes da compostaxe senón tamén dunha correcta utilización dos diferentes tipos de contedores de recollida selectiva.
A compostaxe constitúe unha práctica con importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais. Desde a perspectiva ambiental porque, dado que os restos orgánicos representan case o 50% na composición media dunha bolsa de lixo tipo. Se se evita o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propíciase unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, por tanto, das emisións de CO2 á atmosfera. Desde a económica, porque se o concello entrega menos residuos a Sogama vese diminuído o importe da factura para pagar a esta empresa pública. E, desde a social, porque se recupera unha tradición arraigada no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.