“As palabras lévaas o vento, pero o escrito queda”. Son palabras de Socorro, unha das mulleres que participa no programa de Prevención da Dependencia de Boqueixón, e que resumen o obxectivo da actividade “Historias de vida”, levada a cabo co galo da conmemoración do Día Internacional da Muller. Unha actividade a través da cal cada unha destas mulleres recolleron nuns carteis os aspectos máis importantes das súas vidas.
Historias recollen a mulleres cheas de ensinanzas, fortes e decididas, ás que se lles da a oportunidade de compartir as súas vivencias de superación e traballo cos demais. Anuncia, Lucita, María, Mª Esther M, Esther S, Carmen e Socorro compartiron o resultado dos seus traballos coas súas familias nun acto, moi emotivo, que tivo lugar no local social de Vigo, no que se desenvolven as actividades do programa de Prevención da Dependencia.
Un acto no que participaron o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín: a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mª Seijo; a educadora familiar, María José Pereira, e a directora do Centro de Información á Muller, Cristina Carbajales. Ao finalizar o acto o alcalde e a concelleira entregáronlles unha fotografía do grupo de participantes, como agasallo.
Durante a xornada, as monitoras de Anacos Proxectos Educativos, propuxeron un divertido xogo aos presentes: ler os carteis e, a partir desa información, tratar de responder a distintas preguntas sobre os gustos e vivencias das súas maiores, con anécdotas divertidas: “Pasei toda a miña vida muxindo vacas”, lembra Carmen, quen asegura ademais que “xa traballei bastante, agora gústame pasear”. “Se puidese estudar, sería mestra”, sinala Esther M. “Tiven que explicarlle aos máis mozos que se hai un bar que se chama O 26 é porque antes había unha gran feira en Lestedo, con bois, vacas, moitas casas de comida… e iso estase a olvidar”, incidiu Socorro.
O Concello de Boqueixón ten previsto organizar unha exposición na casa consistorial con todos estes traballos. Esta iniciativa, organizada polos departamentos de Servizos Sociais de Boqueixón e o Centro de Información á Muller, está subvencionada con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o Ministerio da Igualdade.