O centro sociocultural de Touro acolleu hoxe o primeiro Encontro de Mulleres Maiores de Boqueixón, Touro e Vedra, primeira iniciativa conxunta incluída no programa “8M. No Camiño da Igualdade” posto en marcha polos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra. Trátase do primeiro de varios encontros de mulleres cos que se busca empoderar e darlle visibilidade a mulleres maiores dos tres municipios que teñen moita historia detrás e teñen unhas vivencias moi interesantes para compartir entre elas e co resto da sociedade.
Un encontro presidido polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido Barreiro, xunto ao alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; a concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade de Vedra, María Susana García Lema; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Boqueixón, Ana María Seijo Mosquera; e o concelleiro de Asuntos Sociais de Touro, Alfredo Souto Castelo.
Ao evento acudiron 10 mulleres do medio rural de cada concello, así como 6 mulleres que, xunto coas moderadoras, compartiron as súas experiencias en torno a varias preguntas que ían xurdindo. Este primeiro encontro, deixou momentos moi emotivos como cando Maruja, de Touro, desexaba emocionada que as súas netas non viviran o que pasou ela de nova. Tódalas mulleres presentes coincidiron en que non se podían deixar fuxir os dereitos conseguidos e que a independencia económica é un dos principais factores no que a igualdade entre homes e mulleres evolucionou. Destacaron que a todas lles tería gustado estudar cando eran novas.
Tanxugueiras: as madriñas do Encontro
A organización do encontro sorprendeu aos presentes cando conectaron telematicamente con Sabela e Olaia Maneiro, integrantes de “Tanxugueiras”, que foron recibidas con aplausos. Ambas agradecían a honra de ser madriñas do evento e puxeron en valor o papel das mulleres rurais galegas: “sodes uns referentes e unhas campioas por todo o que fixestes”. Ademais, interpretaron unha estrofa da canción “Que non mo neguen”, do seu primeiro disco “Tanxugueiras”
Cara o final da conferencia, Sabela e Olaia abriron unha caixa con agasallos correspondentes a cada concello que participou no encontro.
Visibilidade á muller rural
A directora do CIM, Cristina Carbajales, salienta que con esta iniciativa “queremos darlle visibilidade ás mulleres rurais, que teñen moita historia detrás e unhas vivencias moi interesantes que compartir entre elas e coa sociedade. Nos tres concellos xa fixemos grupos nos que compartiron as súas experiencias entre elas e agora imos un paso máis aló, abrindo a iniciativa a mulleres doutros municipios pero que viviron tamén situacións semellantes, sempre co obxectivo de avanzar no empoderamento e a visibilidade da muller”. A idea é que este encontro de Touro sexa o primeiro de moitos outros que terán lugar en próximas datas.
O programa “8M no Camiño da Igualdade” é un programa de sensibilización posto en marcha en 2021 polos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, a través do Centro de Información á muller, con motivo da celebración do Día Internacional da muller. Unha iniciativa coa que os tres municipios pretenden camiñar e avanzar de xeito conxunto en accións que potencien e que traballen na concienciación da veciñanza para que a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres sexa unha realidade. Ao mesmo tempo, tamén se reforza o rexeitamento a unha das desigualdades máis crueis que se atopan neste camiño da igualdade: a violencia contra a muller.
Un proceso de concienciación que non se atinxe unicamente a datas como o 8M, senón que debe estenderse a todo o ano. Promovido polos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, “8M no Camiño da Igualdade” conta coa financiación do Ministerio da Igualdade e do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero.