O Concello de Boqueixón informa de que a partires deste venres 4 de marzo todos os veciños e veciñas que queiran facer unha obra de rehabilitación no seu fogar para reducir o consumo enerxético ou para mellorar a eficiencia enerxética, principalmente un cambio de fiestras, poderán presentar unha solicitude de axuda ao novo programa da Xunta de Galicia. Achegas que poden chegar ata os 3.000 euros e que se poderán solicitar ata o vindeiro 14 de outubro.
O DOG publicará mañá xoves a resolución pola que se convoca esta liña de subvencións da Xunta de Galicia, que está dotada cun orzamento de 13,5 millóns de euros de fondos europeos Next Generation, cos que se poderán atender unhas 4.500 solicitudes.
Ademais de cambiar as fiestras, outras actuacións subvencionables son a mellora do illamento das fachadas e das cubertas, así como o cambio da caldeira por unha instalación que non demande enerxía fósil (solar, biomasa, bombas de calor con xeotermia, etc.).
Poderán acceder a estas axudas non só os propietarios dunha vivenda, senón tamén os seus arrendatarios. Porén, en ambos os dous casos a persoa deberá ter o domicilio habitual nese inmoble, que terá un uso residencial. No caso de edificios que comparten outros usos, o 50% da superficie deberá estar dedicada a uso de vivenda.
O obxectivos destas axudas é reducir o consumo de enerxía e a demanda a través de pequenas obras. Os beneficiarios poderán acceder a unha axuda de ata o 40% do orzamento, cun máximo de 3.000 euros de subvención e un mínimo de 1.000 euros de custo da actuación. En todo caso, deberá acreditarase unha redución da demanda de enerxía dun 7%, como mínimo.