Os veciños e veciñas da parroquia de Sergude (Boqueixón) retomaron con forza o seu tradicional Entroido onte domingo, despois de que o ano pasado so puidera celebrarse a través das redes sociais. En colaboración co Concello de Boqueixón, a veciñanza de Lestedo recuperou os seus tradicionais Atranques dos Xenerais, se ben este ano renunciou ao concurso de disfraces e optou por adiantar a festa, ademais de non contar con postos de comida (o que facilitou que todo o mundo levara a máscara sanitaria durante a celebración).
Tras os cantos de taberna do grupo “Son de gaita de Sergude” durante a mañá, a partir das 17:00 horas o campo da festa acolleu velladas e gaiteiros. Acto seguido, e acompañados polos xinetes dos Correos e dos Xenerais, partiron cara o campo da festa onde tivo lugar unha gran festa ao aire libre, pois desta vez non houbo carpa.
Iso non molestou aos presentes, que desfrutaron dos orixinais cantos de parranda que, emulando ás Tanxugueiras, non deixaron de cantar que “o Entroido de Sergude voltou para quedar”. Preto das 19:00 horas comezaron os Atranques dos Xenerais, precedidos iso si polas novas xeracións que, a bordo dun tractor, amosaron que o relevo está garantido.
Máis fotos e vídeos na nosa páxina en Facebook: https://www.facebook.com/concellodeboqueixon