Esta fin de semana de chuvia semella que lle veu ben ás estatísticas, pois comezamos este luns 14 de febreiro cun importante descenso no número de casos activos por Covid en Boqueixón, tanto a 7 como a 14 días. Así, o número actual de casos diagnosticados no municipio é de 22, sete menos co venres pasado. Tamén é significativa a redución de casos a 14 días: de 70 casos aos 57 actuais.
Uns bos datos en consoancia co que está a acontecer a nivel galego, que nos tres últimos días baixou máis de 10.000 positivos. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 38.640 deles 8.484 son da área da Coruña, 4.044 da de Lugo, 4.035 da de Ourense, 4.320 da de Pontevedra, 8.649 da área de Vigo, 6.822 da de Santiago e 1.910 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 44 están en UCI, 619 en unidades de hospitalización e 37.977 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 431.781 persoas curadas, rexistrándose 3.038 falecementos.
Lembra que desde o pasado xoves xa non é obrigatorio levar a máscara en espazos abertos, sempre que se poida manter a distancia de seguridade. Nos interiores, aínda hai que levala, así como manter a hixiene de mans e manter a distancia de seguridade con persoas non conviventes.