O Pleno de Boqueixón, reunido en sesión extraordinaria e telemática, aprobou o Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+2022, que suma un total de 379.262,43 euros. Un plan que o Goberno municipal destinará ao arranxo de 31 estradas do municipio, atendendo ás necesidades detectadas nas distintas parroquias. O POS+2022 foi aprobado cos votos a favor do PP e o voto en contra de Veciños de Boqueixón.
O alcalde, Manuel Fernández Munín, explicou que “a elección das obras fíxose atendendo ao estado das estradas, polo que destinaremos os 198.737,40 euros da Achega Provincial 2021 aos viarios en peor estado de conservación e as demais as incluiremos no Plan Complementario”. O alcalde de Boqueixón indicou que o equipo de Goberno “valorou proxectos de obras por máis de 900.000 euros” e anunciou que “tentaremos acometelos todos eles con cargo ao Remanente de Tesourería”.
Así, o Concello de Boqueixón destinará os 180.525,03 euros da Achega 2022 a gasto corrente, que serán investidos sobre todo a costear o consumo enerxético. Así mesmo, o Concello decidiu renunciar aos 13.539,38 euros do Préstamo 2022 “xa que non temos ningunha débeda bancaria”, puntualizou Fernández Munín.
31 actuacións en estradas
Os 198.737,4 euros da Achega 2021 investiranse en dous proxectos de obra de mellora do firme de 21 camiños municipais. Así, o proxecto de mellora do firme do acceso á Carballeira (Sucira) e outros investirá 104.150,3 euros na mellora do firme dunha ducia de viarios:
- Acceso á Carballeira (Sucira)
- Interiores en Reboredo
- Camiño en Maravexás
- Camiño de Casalvieito á AC-240
- Camiño da Fonte de Loureiro
- Camiño da AC-240 ata o límite con Touro
- Camiño da AC-960 a Mato
- Interiores en Vilaboa
- Interior en Senande
- Camiño da AC-261 ao Monte do Rubio
- Accesos en Vilaboa
- Interiores en Piñeiro de Abaixo
Pola súa banda, o proxecto de mellora do firme do camiño de Rodiño Pequeno a Casanova e outros, cun orzamento de 94.587,10 euros, inclúe melloras na plataforma dos seguintes nove viarios:
- Do camiño de Rodiño Pequeno a Casanova
- Do camiño da Cooperativa ao parque de Gándara
- Interiores en Gándara
- De Deseiro de Arriba a Quián
- Acceso a camiño de servizo en Lestedo
- Rúa Leoncio Millán
- Da pista da travesía de Milleirós ao acceso aldea
- Da pista da travesía de Milleirós a Salgueiral
- Da pista de acceso ao cemiterio de Rubial
Así mesmo, o Pleno aprobou un Plan Complementario por un importe de 288.218,4 euros distribuídos en tres proxectos de obras:
- Mellora do firme dende o cruce de Ardilleiro Grande ao cruce de Ardilleiro Pequeno, por un importe de 106.451,29 euros.
- Mellora do firme do viario do camiño de Pumares á fábrica de formigón, por 102.376,08 euros. Este proxecto inclúe un total de 6 actuacións de mellora de viarios:- Do camiño de Pumares á fábrica de formigón
– Da Pena ao límite con Touro
– Do polígono industrial a Deseiro de Arriba
– Do camiño de Quián a Ardilleiro
– Do camiño de Ramil á rúa Tucho Quinteiro
– Dunha pista en Pazos - Mellora do firme do viario do camiño dende o cruceiro de Pousada a Granxola e outros, por 79.391,03 euros. O proxecto inclúe tres actuacións de mellora de viarios:
– Do camiño dende o Cruceiro de Pousada a Granxola
– Do camiño de AC-240 a Loureiro
– Do camiño de Pumariño a cruce da estrada Igrexa
O voceiro do Grupo de Goberno, José Manuel Iglesias, destacou que o Concello destinará estes cartos “a 31 actuacións que se desenvolverán en 2022 en distintas estradas atendendo ás necesidades detectadas nas distintas parroquias do concello”, lembrando que “estamos abertos a calquera suxerencia da oposición”, destacando que “o consenso é fácil porque a elección responde a necesidades reais”. Un punto no que o alcalde puntualizou que “se atenderon algunhas demandas dos concelleiros da oposición”.
Plan Adicional
O Plan Adicional 2022 para gastos sociais foi aprobado por unanimidade. O alcalde explicou que os 63.183,76 euros do plan serán investidos, sobre todo, no servizo de atención á dependencia, nas súas distintas modalidades, así como na financiación do programa de prevención de dependencias, material de estimulación cognitiva para os maiores e atención de persoas en situación de necesidade. Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade unha modificación do artigo 5 da ordenanza da escola infantil Raíña Lupa.